galiza.indymedia.org
Acción do Grupo Erva-Ecoloxistas en Acción
grupo erva - Compostela , 23.11.2004, (Id: 954)
ERVA-ECOLOXISTAS EN ACCIÓN RECLAMA A CAIXA GALICIA O PECHE
OU O TRASLADO DA FACTORÍA DE ENCE DE PONTEVEDRA

Foto da acción
Foto da acción

A organización ecoloxista ERVA-Ecoloxistas en Acción reclama ante Caixa Galicia o peche da factoría que a Empresa Nacional de Celulosas (ENCE) ten na ría de Pontevedra, ou ben o seu traslado fora de Galiza, por considerar que este complexo industrial segue a ser un dos principais focos de contaminación ambiental da ría e do país en xeral, e por que a súa existéncia ten producido un crecimento desordenado e desproporcionado de eucaliptos nos montes galegos, favorecendo esta expansión á continua e crecente vaga de lumes que padecemos todos os anos.

Ademáis disto, ERVA-Ecoloxistas en Acción valora como negativo o balanzo económico da incidéncia desta empresa e do seu tecido asociado na sociedade galega, en relación aos bens, tanto económicos como sociais e ecolóxicos que se derivarían dun aproveitamento alternativo dos recursos forestais e das demáis potencialidades dos nosos montes. O novo proxecto de fábrica de papel tisú para “pechar o ciclo” tan só absorberá un 19% da produción de celulosa da factoría, co cal o valor engadido e a repercusión económica deste complexo segue estando mui por baixo do que se nos pretende facer crer.

Desde a instalación de ENCE na ría de Pontevedra o proceso expansivo do eucalipto non tivo descanso. O inventário forestal elaborado pola Xunta e o Ministério de Medio Ambiente no ano 1.998 valoraba en máis de 174.000 as hectareas de masas puras de eucalipto presentes en Galiza, cando en 1.986 este tipo de formacións apenas alcanzaba as 36.000. Se se consideran as masas forestais nas que o eucalipto é dominante sobre as demáis, resulta que no ano 1.998 o eucalipto dominaba máis de 333.000 hectareas nos montes galegos. Seis anos despois, no 2.004, se se mantén o ritmo expansivo da espécie evidenciado estes doce anos, o eucalipto podería estar presente como espécie dominante en máis de 400.000 hectareas. Este “éxito” na política forestal de fomento de espécies de crecimento rápido debe-se á preséncia da factoría de ENCE, que orixina un mercado desequilibrado que actúa como catalizador da actividade forestadora, en conxunción coa renúncia irresponsábel da Xunta a practicar unha política forestal que diversifique as producións e fomente as espécies forestais de madeiras de calidade. Basta con lembrar que o obxectivo marcado no Plano Forestal da Xunta aprobado no ano 1.992 e relativo á superfície de eucalipto era o de alcanzar as 245.000 hectareas entre o 1.992 e o 2.032. Polo contrário, a superfície de bosque autóctono nos montes litorais e das serras pre-litorais non parou de minguar nos últimos quince anos.

Por outra parte, non existen novas informacións sobre o nivel de emisións atmosféricas e de emisión de verquidos a través do emisario submariño que demostren que a actividade industrial se encontra dentro dos parámetros establecidos na lexislación ambiental. A memória anual que ENCE apresentou no ano 2.002 recolle os datos obtidos en controis próprios dos niveis de emisión e verquidos, e referidos os primeiros só ao dióxido de xofre, sulfuro de hidróxeno e partículas, e os segundos á demanda química e bioquímica de osíxeno e sólidos en suspensión. Non existe nengún informe oficial da Administración Pública que contraste esas informacións. E a xustiza ten emitido senténcias condenatórias contra ENCE por delito ecolóxico continuado.

Por estas razóns, ERVA-Ecoloxistas en Acción reclama-lle a Caixa Galicia, como accionista de referéncia de ENCE, e á Xunta, como administración ambiental competente, a retirada do proxecto da papeleira e a cancelación ou traslado da actividade industrial cando finalice a concesión do domínio público que ENCE detenta desde os anos sesenta.

erva, 23.11.2004 (Id: 493)

outra foto
outra foto
...unha máis
...unha máis
...a derradeira
...a derradeira

Esta acción tivo lugar o pasado xoves, 18 de novembro pola tarde, na sucursal principal de Caixa Galicia, sita na Praza de Galiza (Compostela)




verde bermelho, 24.11.2004 (Id: 511)

Acción directa! Denuncia social! Parabéns pola acción!