O persoal da CRTVG en folga
un
,
25.05.2005 11:05, (Id: 3247)
é sinxelo: se a tele non funciona non poderán mentir por ela. apoia e difunde esta movilización: hai que botalos.
“Ola, amigos, gatekeepers do blogomillo, marcadores de tendencias e xente avisada en xeral.
Escríbovos para contarvos algo que probablemente vai ocupar pouco espazo nos medios, a pesar de que ten que ver con eles, ou precisamente por iso, pero que lles afecta directamente a máis de 800 persoas e, indirectamente, a case tres millóns de cidadáns.
Mañá, mércores 25 de maio, os traballadores da CRTVG estamos convocados polo noso comité interempresas a un paro de catro horas (dúas na quenda da mañá, de 12:30 a 14:30, e dúas na da tarde, de 18:30 a 20:30). É a primeira xornada de folga dun calendario de mobilizacións que, se cómpre, se prolongará durante a precampaña e a campaña electoral, para acabar na noite do 19 de xuño. Dúas razóns concretas: unha prioritaria e urxente, esixir o que chamamos unha “ampliación de catálogo”, unha ampliacion nun número razoable do plantel fixo de traballadores da TVG, a RG e a Compañía; outra que parece máis frívola pero tamén é xusta, reivindicar unha suba salarial do 5% para os traballadores fixos. A de fondo: esixir a mellora das condicións laborais coma primeiro paso para conseguir uns medios públicos dignos que cumpran a función para que o foron creados.
Un conflito laboral máis, diredes, nestes tempos difíciles de reconversión xeral e permanente e de emigración xuvenil masiva. Se cadra egoistamente, penso que aquí todos nos xogamos algo máis.
A historia de desencontros entre os cidadáns galegos e os medios públicos do país é longa, triste e coñecida. Moitos alardean de non velos ou escoitalos, e se por casualidade o fan, ven confirmados os seus prexuízos: uso partidista dunha televisión e dunha radio que pagamos todos, ocultación e maquillaxe da realidade, galego de Valladolid, haxiografías populares, mixtificación da nosa identidade e da nosa cultura, folclorismo mal entendido, mediocridade intelectual, o pantagruelismo como ideoloxía…; un insulto ético e estético, vamos. (Creo de xustiza recordar que a RG e a TVG tamén fixeron cousas de mérito, pero esa é outra historia para outra ocasión.)
Houbo moitos episodios bochornosos nos últimos anos, pero o divorcio escenificouse coma nunca durante a marea negra do Prestige, coa RG e a TVG rendidas á versión oficial, mentres o fuel asolagaba a costa e as conciencias. Nunca o desprezo e a carraxe contra os seus traballadores foi maior nin máis xustificado: insultos a xornalistas e reporteiros gráficos, berros de “televisión, manipulación” en cada manifestación, en cada vila costeira. Cidadáns xustamente indignados e traballadores descorazonados e avergonzados, admitindo a súa indignidade sen atreverse a suxerir que a ira cidadá alcanzase tamén outras instancias aínda máis incompetentes.
Non reclamo comprensión para o imperdoable, pero calquera pode imaxinar que as razóns deste esperpento no que se converteron os medios públicos galegos son variadas e complexas: o medo de case todos, a covardía de moitos, a vaidade dalgúns, as prebendas doutros tantos, a indecencia duns poucos e tamén, e non é a menos importante, a precariedade laboral.
Neste momento, aproximadamente o 33% dos profesionais da CRTVG traballan en precario (unha porcentaxe que se duplica en departamentos coma a redacción de informativos), mediante fórmulas diversas e imaxinativas: contratos temporais e por obra que se encadean -ou non- mes a mes, día a día, durante lustros, contratación a través de ETTs, contratos artísticos a xornalistas, prácticas mal pagadas e bolsas que se eternizan… Ademais, externalizáronse (subcontratándoos a produtoras “amigas”) case todos os programas de entretemento e parte dos servizos informativos, o que non reduciu os custos de produción pero si a nómina e a seguridade laboral dos traballadores. Todos, os de dentro e os de fóra, convivimos diariamente coa censura e a autocensura, coas faltas de respecto profesional e persoal, con ameazas veladas e explícitas… En fin, non quero pintarnos coma vítimas nin aburrirvos, pero non é difícil imaxinar as consecuencias que estas condicións laborais producen na calidade e na honestidade da información que se ofrece; non tedes máis que ver calquera telexornal.
Está por ver se a xornada de folga vai ter algunha incidencia visible na programación. A empresa ten moitas tácticas -que van do inmoral ao ilegal- para evitalo pero, máis alá diso, e a menos de un mes das eleccións, o que máis dano pode facerlles é tamén o máis difícil, que isto se saiba alén de San Marcos.
Todos temos que merecernos os medios públicos que queremos, nosoutros e vosoutros. Así que só vos pido que fagades o que nós, con todos os nosos medios, delegacións, cámaras web, reporteros dicharacheros e enviados especiais a Mónaco e ao Vaticano, non podemos facer, contalo. Aos vosos coñecidos, veciños, compañeiros, familias políticas, a todo o mundo subterráneo do que non teño correo electrónico e, se o considerades necesario, aos vosos lectores”.
+1,
25.05.2005 - 12:28 (Id: 2337)
FOLGA NOS MEDIOS PÚBLICOS
Os traballadores da CRTVG comezan os paros contra a precariedade laboral
[24/05/2005 19:25] Os traballadores da CRTVG realizarán este mércores o primeiro dos paros convocados polo Comité Interempresas logo do fracaso da negociación do convenio colectivo. O paro producirase entre as 12 e media e as 2 e media da tarde e entre as 6 e media e as 8 e media do serán. O primeiro dos paros prodúcese durante a emisión dos programas A Revista e Galicia Noticias, o informativo de maior audiencia da cadea. Porén, é difícil que a folga do persoal da TVG teña algún efecto na emisión. Segundo os sindicatos, os servizos mínimos prevén que en moitos departamentos haxa o mesmo número de traballadores ca un día normal, polo que serán denunciados polo Comité. Ademais, en previsión dun seguimento masivo da folga, a dirección da TVG ordenou que o programa A Revista, que inclúe numerosas conexións en directo, xa se gravase na tarde do luns.
http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=42800
paflipar,
25.05.2005 - 13:49 (Id: 2338)
Máis do 90% dos traballadores da CRTVG secundan o primeiro dos paros
[25/05/2005 13:32] Os traballadores da CRTVG secundaron masivamente o primeiro dos paros convocados polo Comité Interempresas. Neste momento, máis de 250 traballadores concéntranse no exterior das instalacións de San Marcos en demanda de mellores condicións laborais. Os representantes do comité de folga calculan que o paro foi secundado por máis do 90% dos traballadores da quenda da mañá que non estaban obrigados a cumprir cos servizos mínimos decretados pola Xunta. Un numeroso grupo de traballadores contratados sumouse ao paro e foi recibido na concentración con aplausos dos seus compañeiros con contrato estábel.
http://vieiros.com