Réplica ao Delegado Rexio
Santi
,
26.07.2005 18:16, (Id: 4182)
Réplica ao Delegado Rexio, Sr. Sánchez Bugallo, alcalde de Compostela
Bugallo pasa revista
É a segunda vez que te dirixes a min con ocasión da celebración do 25 de xullo en calidade de delegado do Xefe do Estado e Comandante en Xefe das Forzas Armadas da España. Dúas veces foches merecente da dubidosa honra de presidir este rancio ritual nacionalista, militarista e católico español na nosa cidade. Dada a túa reincidencia nestes feitos penso que xa é tempo de que obteñas unha resposta clara sobre canto ten que obxectar este veciño ás formas e argumentos da túa invocación.
En primeiro lugar, debes saber que o meu mito reside hai máis de mil anos en Galiza, no burgo de Compostela e que podes dirixirte a min en galego. Eu así o prefiro e ademais é obriga túa, en virtude do cargo institucional que ostentas. Debes saber que a diglosia consciente adoita ser un grave síntoma de trastornos na autoestima, tamén denominados á moda antigua, complexos de inferioridade.
Non obstante esa non é a cuestión máis rexeitábel da túa actitude. É singularmente lamentábel que alguén lle dirixa as súas consideracións e solicitudes a unha estatua de xeso policromado. Por respecto ao cargo que representas e por estricto sentidiño deberías acudir a un especialista pois resulta que falar cos obxectos non é a maneira máis axeitada e decorosa de cumprir co mandado popular.
Comparto a túa desazón polo estado de cousas en que vive o planeta. Mesmo temos asistido xuntos na praza do Concello, en presencia de algúns dos membros da corporación que presides, a varios actos de protesto polos bombardeos terroristas de Kosova, Afganistan ou Iraq, en solidariedade co povo palestino, e por suposto, contra a destrucción criminal do noso entorno natural. Quero que fique ben claro que, pese ao aspecto de criminal de guerra con que me engalana a brutal tradición, as miñas manifestacións non tiñan algún inconfesábel propósito agochado, nin eran froito dunha mala conciencia cristiá, nin tampouco da hipocrisía que percibo, unha vez máis, nas túas palabras. Heiche dicir que esa miña actitude sustentouse sempre nunha análise racional das causas deses problemas e nunha responsabilidade cívica e humana.
Hoxe falas dos atentados de Exipto ou Londres e mesmo dos petardos da festa, esquecendo de maneira inxustificábel o terrorismo xenocida que vén espoleando ese odio a nivel mundial. Ti, alcalde, veciño meu que se di progresista de-toda-a-vida, non es quen de observar que o fanatismo criminal que mata a traballadores en Atocha é inducido por outro fanatismo criminal co cal non cabe conciliarse de xeito covarde e contraproducente. O fanatismo sempre fala para o alén incerto e cuspe lume e desprezo sobre a vida.
Como ben comprenderás, non vou facer maiores comentarios sobre as túas observacións no tocante á situación política da Unión Europea, a súa ampliación ao leste e outros particulares da política internacional sobre os que este cidadán reserva a súa opinión.
Pides, e nótaseche que o fas co corazón nun puño, a miña protección e amparo para o inefábel Fraga e para as outras autorizades españolas. Manda truco! As veces penso que estes progres galegos aínda non saben moi ben con quen se están a xogar os cartos e a vida! Non pides para o traballador que sufre a precariedade, a emigración e a desventura. Nada tes que dicir contra esas situacións que está a esganar a vida dos mellores e dos máis novos. Nada contra esa lacra caciquil que incita novamente a un odio que os galegos gardaban na memoria pero que estaban decididos a erradicar dos corazóns.
Recorda que a túa obriga é a de exixir para os cidadáns. E que a quen llo tes que exixir é a EL (o monarca) e a ti mesmo como alcalde. Non a min que hai dous séculos que teño reservado o meu lugar nas tendas de antigüidades.
Solicito e exixo, alcalde, que poñas fin a estes episodios delirantes. Que deixes descansar aos nosos mortos nas fosas onde os botou esa compaña que hoxe procuras. Que defendas a cuestión pública o mellor que podas, para ben dos teus veciños. Que remate a grande confusión militar-esotérico-administrativa a respecto desta celebración que para ti, como alcalde, non pode ser máis que o Día de Galicia. Pois en ningures está escrito que o presidente da cámara municipal deba oficiar de medium entre o mito relixioso e as pistolas.
Dito isto, proclamo:
Que non quero ser máis patrón aos ollos dos galegos que en realidade o que precisan é axuda social e psicolóxica.
E en consecuencia,
DIMITO, e dou exemplo a quen aínda está a tempo de seguilo, en nome do progreso, da racionalidade e da civilización.
Conta a tradición cristiana que ese Santiago emigrante, apostol dos cregos, tamén sufriu no monte Calvario e que alí dixo: "Podedes atar as miñas mans, mais non a miña lingua"
Nunca máis!