A pesar de que dudamos da viabilidade do acto debido ao forte vento e chuvia que fixo durante todo o Sábado, puidemos facer todo o que tiñamos previsto para este día.
Medio cento de persoas estivemos nas portas do MARCO na rúa do Príncipe desde as sete da tarde e ata as oito e pico, e no momento de máis xente eramos uns setenta.
Desplegamos unha pancarta de máis de catro metros co lema do acto e cun impactante debuxo dunhas mans migrantes agarrando aramio de espiño, tamén levamos dous paus dun metro aos que lle atamos tres cordas de catro metros con nudos e pintada de prateado, fixo pensar a todo o que pasaba por alí que era aramio de espiño de verdade dándolle ao acto unha imaxe máis impactante, para aumentar ese impacto estético fixemos catro paneis coas fotos de Médicos Sin Fronteiras (
http://www.nodo50.org/varios/melilla/index.html )que narran os feitos que motivaron o acto, e moita da xente que paseaba se parou a botarlles unha ollada.
Para comezar dimos lectura ao texto unitario, inspirado no elaborado en Málaga para este mesmo día, ao longo do acto catro persoas foron léndonos emocionantes poemas inspirados na temática da convocatoria (varias das obras foron orixinais lidas polos seus autores), e en todo momento acompañamos o acto con lemas, coreados mesmo pola xente que pasaba: “Non máis mortes, non máis fronteiras. Abaixo a valla, da vergonza. Lei de estranxeiría, lei genocida. Ningunha persoa, é ilegal”, “Inmigrantes ilegais, patróns criminais”.
Para rematar o acto leuse de novo o texto común e expresamos a nosa simpatía e apoio á Caravana Europea Contra o Valado (
http://galiza.indymedia.org/gz/2005/10/4943.shtml ).
Durante o acto repartimos medio millar de panfletos co texto unitario:
NON MÁIS MORTES NAS FRONTEIRAS, NINGUNHA PERSOA É ILEGAL
Saimos hoxe á rua en cidades de europa e africa porque queremos expresar a nosa indignación e unha enérxica condea ante os graves acontecementos das últimas semanas nas fronteiras de Ceuta e Melilla.
A desastrosa xestión desta situación de emerxencia deixou o vergonzoso saldo de oito persoas mortas por disparos, centos de feridas, decenas de mortas e miles de persoas abandoadas a súa sorte no deserto marroquí ademais dunha violación sistemática dos dereitos humanos e da legalidade internacional (expulsións inmediatas sen mediación xurídica, desatención do estatuto de refuxiadas de moitas das inmigrantes deportadas, falta de asistenza médica e xurídica a estas persoas, malleiras, roubos, moi malas condicións de reclusión, coas detidas apiñadas nas celas e un penoso etcétera).
Denunciamos a responsabilidade nesta traxedia tanto do goberno español coma do goberno marroquí, ambos implicados nas mortes, deportacións e violacións aos dereitos fundamentais das persoas migrantes, tamén declaramos a responsabilidade en xeral da política migratoria europea centrada na militarización, o cerre de fronteiras e a externalización do control fronterizo a terceiros países, que obriga a millóns de persoas a tentar ingresar no territorio europeo por outras vías.
Esta situación que estamos vivindo na fronteira é consecuencia da aplicación de políticas neoliberais (de capitalismo salvaxe) recomendadas polos organismos internacionais (Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, Fondo Monetario Internacional, etc.), que provocaron a catastrófica situación económica e social que vive o continente africano no seu conxunto. A pobreza, a guerra e a explotación dos recursos naturais promovidos por multinacionais europeas e estadounidenses non fixeron máis que multiplicarse.
É inmoral que no mundo globalizado os cartos, as mercadorías e as empresas poidan moverse libremente a través das fronteiras, mentres que as persoas non teñen dereito a emigrar para buscar unha vida digna.
Non nos podemos deixar enganar pola desinformación e os discursos alarmistas, temos que manter viva a memoria daqueles tempos (e aínda hoxe) nos que nos tocou a nós emigrar na busca dun futuro mellor. Saímos á rúa en distintos puntos de Europa e África a mostrar o noso rexeitamento ás leis de estranxeiría e a militarización das fronteiras, a defender o dereito de toda persoa a unha vida digna.
POR TODO ISTO ESIXIMOS:
1 O cese inmediato das expulsións así coma dos acordos de readmisión de inmigrantes asinados co goberno marroquí.
2 Retirada inmediata das tropas da fronteira e organización de axuda humanitaria e asistencia xurídica a tódalas migrantes que se encontran a ambos lados da fronteira.
3 O necesario esclarecemento do sucedido e a depuración de responsabilidades, denunciamos a impunidade no maltrato e asasinato por parte da garda civil española e a xendarmería marroquí de persoas migrantes, cuxo único delicto foi querer escapar da miseria e as guerras que asolan aos seus países.
4 Liberdade de movemento para todas as persoas, e ás autoridades españolas, africanas e á Unión Europea a derogación de todas as leis de estranxeiría, normativas e regulacións de fronteiras e de fluxos migratorios que converteron ao Estreito de Xibraltar na maior fosa común do mundo.
5 A todos os estados implicados, o trato digno e o respecto dos dereitos humanos das persoas migrantes, ás que nin sequera se lles permite solicitar o asilo recoñecido nos tratados internacionais.
Grupo Axitación Social, Asociación Caleidoskopio, Ateneo Libertario de Vigo, CGT, RCADE, Grupo de Apoio aos Indíxenas Magonistas e Assemblea Anti-Imperialista.
Fotos do Acto:
http://galiza.indymedia.org/gz/2005/10/4952.shtml