Actrices e actores galegos contra o lume
ti
,
08.08.2006, (Id: 7907)
Actrices e actores galegos suman voz "contra a barbarie destrutora e criminal" do lume
En Vieiros, vía Chuza!
http://chuza.org/
Un colectivo de actrices e os actores galegos, entre os que se atopan Luis Tosar, Flor Maceiras, Vítor Fábregas ou Yolanda Muíños, entre outros, leron esta mañá en Compostela un manifesto "diante da barbarie destrutora do lume que asola o noso país". Os actores fan un chamamento á cidadanía a loitar contra a vaga de incendios e póñense ao dispor de goberno e cidadáns para prestaren "colaboración desinteresada" frente ás iniciativas que se artellen.
A necesidade de amosar as súas intencións contra a vaga de incendios que afoga o país levou a Luís Tosar, Ricardo de Barreiro, Yolanda Muíños, Flor Maceiras, Vítor Fábregas, Xavier Estévez, Marco Aurelio González, Camila Bossa e Luis Zahera, entre outros, e, xa entre o público, Mabel Rivera, a xuntárense arredor e contra os lumes. A primeira e, polo momento, única acción que realizou este colectivo foi a publicación dun manifesto no que piden o cesamento dos incendios en Galiza.
Polo momento esta é a súa primeira actividade como colectivo, iniciativa que "non ten que ver con Nunca Máis nin con ningún partido político" senón que parte da conciencia cidadá dos asinantes e "diante da impotencia de non poder acudir apagar os lumes" porque iso llo hai que deixar aos profesionais, afirmou Tosar.
O punto no que incidiron maiormente os artistas implicados foi o de manifestar a súa "colaboración desinteresada" para levar adiante calquera traballo para sofocar o lume, pero, e sobre todo, "para a súa prevención cando non os padezamos", afirmaron. Isto fixérono extensivo á idea de que a cidadanía non esqueza os lumes cando chova e volva mirar o monte desde perto e "non como un espectáculo de fogos de artificio que se ve na televisión", afirmou Ricardo de Barreiro.
Segundo Luis Tosar, que falou no nome dos demais asinantes, "este desastre non é só ambiental, senón de impotencia". Por iso, os que decidiron sumarse á convocatoria fixérono coa intención de "dar a cara e facernos eco da sensación popular". Logo, Flor Maceiras leu o manifesto que elaboraron, texto que expresa "a solidariedade das actrices e actores galegos" coas persoas que están a padecer os efectos do lume de xeito directo. Ademais, quixeron facer pública a súa condena á vaga de incendios, expresaron o desexo de que a poboación se conciencie co problema e instárona a "estar alerta" diante de calquera tipo de actividade relacionada coa queima.
Pola súa banda, e como afectada de primeira man por un incendio que arrasou as localidades teenses de Lampai e Luou, Mabel Rivera amosou a súa desperación ao termo da lectura deste comunicado. A actriz e mais o seu home, Enrique Banet, explicaron os motivos polos que se podería ter producido esta situación. Ao seu ver, a vaga de incendios que está a afogar o país é froito da desmembración da sociedade galega e da falta de políticas consecuentes e activas no rural.
Rivera culpou aos gobernantes, "tanto aos de agora coma aos de antes" de non ter "lexislado para previr". Tanto a acriz como o seu home aludiron a que "é necesaria unha área de seguimento no rural para garantir a seguridade das casas", ademais de unha urxente recuperación do sentimento de apego á terra para evitar as fuxidas da poboación e asegurar unha boa xestión do rural.
eu,
10.08.2006 (Id: 5803)
Acto de apresentación
DIANTE DA BARBARIE DESTRUTORA DO LUME QUE ASOLA O NOSO PAÍS, UN GRUPO DE ACTRICES E ACTORES GALEG@S QUEREMOS MANIFESTAR:
1.Que amosamos a nosa profunda solidariedade coas persoas que están a padecer directamente os danos e perxuízos deste atentado contra o noso Meio Natural de consecuencias lesivas incalculábeis para todos e todas, porque o territorio de Galiza é ben común das persoas que o habitamos, e corresponde a todas e todos sen exclusión a súa defensa incondicional contra a barbarie que pretende destruílo.
2.Que condeamos sen paliativos as accións criminais das persoas que con actuacións de todo tipo provocan lumes intencionadamente, porque, de feito, atentan contra o noso benestar, contra as nosas condicións e meios naturais de existencia e contra a nosa propia vida.
3.Que alertamos sobre a necesidade de extremar as medidas de precaución a tomar por cadaquén de nós, para evitar os descuidos persoais que poidan dar lugar a lumes non intencionados, porque cada cigarrillo que botamos fóra da xanela do coche nunha estrada, e cada botella de vidro que deixamos no monte, pode provocar o lume que nos prive dunha parte esencial do noso mundo.
4.Que chamamos á Cidadanía a denunciar calquera tipo de actividade que dea como resultado a queima irracional dos nosos recursos naturais poñen do a nosa vida en perigo, para contrubuír desde a responsabilidade colectiva a mudar a nosa idea social errada e extendida de que o lume erradícase extinguíndoo cando aparece.
5.Que expresamos o noso compromiso público de non esquecer a terríbel situación que vivimos estes días cando chova, para animar ás nosas concidadás e ós nosos concidadáns a ter sempre presente que a nosa obriga, é coidar da terra que temos, sexa cal sexa a súa climatoloxía.
6.Que poñemos a disposición da Cidadanía e do Goberno Galego a nosa colaboración desinteresada para levar adiante calquera actuación ou traballo que poidamos prestar en contra da vaga de lumes que padecemos, e para a súa prevensión cando non os padezamos.
En Santiago de Compostela, a 8 de agosto 2006.
eu,
10.08.2006 (Id: 5810)
Carta de Mabel Ribera e mais Enrique Banet sobre o cubrimento do acto por parte da TVG e outras cuestións relacionadas. Interesante.
http://galiza.indymedia.org/gz/2006/08/8084.shtml
um politólogo anti-fascista,
11.08.2006 (Id: 5829)
"Tutto per lo Stato, niente fuora lo Stato, niente senza lo Stato". Estas palavras pronunciadas por Benito Mussolini sintetizavam a doutrina totalitária do Estado fascista italiano. Polo que se ve, certos seitores supostamente progressistas do pais estam moi ao dia na aplicaçom dos preceitos totalitários ao governo autonómico.
Este manifesto da umha boa prova:
- Os dous primeiros pontos exponhem umha evidência que ninguem pode obviar.
- O terceiro (em orde de importáncia, pois lemos de enriba abaixo e nom se especifica o contrário) destina-se à interiorizaçom da culpa por parte da gente de a pé(todas podemos se culpáveis do mal que se está a producir).
- O quarto anima à interiorizar o control social por méio da delaçom, disolvendo as garantias da presunçom de inocência.
- O quinto pospom a soluçom do problema ad infinitum (isso si, a seguir interiorzando a culpa namentras o problema nom seja resolto porque...
- O sexto especifica claramente que o único que se pode fazer é estar ao dispôr das autoridades (que evidentemente nom tenhem responsabilidades nem nada que explicar do que fam).
A preparar-se, galeg+s, que isto é o que há: Galiza está a passar de um régime democrático defectuoso (defective democracy) de corte autoritário e clientelar a um régime democrático defectuoso de mobilizaçom e tendências autocráticas.