Contra a máfia do lume
blogalego
,
09.08.2006, (Id: 8021)
Este ano está a evidenciarse aquelo que o fraguismo quixo e puido ocultar até agora: os focos aparecen simultáneamente, en lugares de difícil acceso e aproveitando as condicións de vento e vexetación para dificultar as actuacións dos grupos de extinción e queimar a maior superficie posíbel. A inmensa maioría dos lumes son resultado de tal capacidade de planificación e coordenación que se fai evidente a existenza dun entramado financieiro e organizativo que decide onde e canto hai que queimar. Quen está detrás do lume entón?
USpain - Bandeira da Mafia do Lume
É certo que estamos en lúa chea así que non podemos descartar que todas as personas afectadas de piromanías e outros desarreglos psicolóxicos cadren en prender lume ao mesmo tempo, nos mesmos lugares e seguindo o mesmo patrón mais... iso non quita que as áreas onde está ardendo máis o monte sexan xustamente aquelas onde sabemos que está habendo procesos de marbellización da costa, de expansión inmobiliaria nos arredores das nosas cidades, de expropiación de terreos para construir autovías e polígonos industriais, de asfaltado da costa, de entubamento de ríos e fervenzas ou de venta por metro cúbico do aire que respiramos.
Sabíamos que estamos a ser colonizados polo capitalismo global; o fenómeno dos incéndios forestais está a sinalar claramente cal é o axente patóxeno desta colonización no noso caso: as grandes corporacións financieiras, enerxéticas e inmobiliarias que operan no mercado español, en particular aquelas que máis se benefician da contratación pública galega.
Deixará de ser rentabel queimar o monte cando se impida licitar ou executar calquera obra pública ou privada nas áreas queimadas durante os decenios precisos para a súa rexeneración, que ademais debería facerse con espécies autóctonas. Esa é a tarefa urxente que debe asumir o goberno galego, ademais de xestionar os medios precisos para apagar o lume, e se non o fan ben, xa non será cuestión de botalos, senón de ir máis alá e botalos pero ao lume. E a longo prazo: máis innovación e menos cemento; ao mellor esa é a chave que permite fechar a porta dos incendios forestais dunha vez e para sempre.
Pola nosa parte, a cidadanía, os movementos sociais, os altermedia... debemos escoller: ou loitamos ou emigramos; ou saímos á rúa ou acabarán vindo a por nós. Ou seguimos teimando en adicarnos ao cotilleo partidário e pelexar entre nós, ou decidimonos a parar ou alomenos a entorpecer este proceso de colonización.
Que non lles saia rentabel, que prefiran ir a outro sitio, que lles sexamos incómodos... rebelión e desobediéncia, transgresión, manifestacións, pintadas, webs, cartaces, boicots... por suposto! Mais non sen intelixéncia emocional, non sen a irmandade e a fraternidade que nos manteña conectados na loita coa natureza da que formamos parte e que por iso temos a necesidade de protexer.
túzaro,
09.08.2006 (Id: 5732)
Imobiliárias: ACS, MAHIA, SAN JOSÉ
Energía: Hidráulica FENOSA e IBERDROLA, eólica e demais nom sei
Financeiras: BBVA e Caja Madrid. As caixas "galegas" tambem: Caixa Galicia e Caixa Nova
Pode alguem completar?
calquera,
09.08.2006 (Id: 5734)
os de AMI dín tamén as madeireiras ENCE , TAFISA aquí:
http://galiza.indymedia.org/gz/2006/08/8009.shtml
Lume NOM,
09.08.2006 (Id: 5739)
Engadir FIMSA, ver comunicado de NÓS-UP.
Jovens Agricultores, Silvanus, Associaçom Florestal da Galiza (PP) e AFRIFOGA (PSOE) CÓMPRICES!
eu,
09.08.2006 (Id: 5740)
LUGAR DOS ROMANZINHOS
Madrid
Un artigo de: Camilo Nogueira
[27/09/2005]
O fracaso da operación de compra ao Banco de Santander do 22% de Unión FENOSA por parte dun grupo formado por Amancio Ortega, Caixanova e o presidente da Constructura San José, Jacinto Rey, frustrou a posibilidade de o capital empresarial e institucional galego chegar ao 40%, sumados ese 22% e o 18% ostentado xa por Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor.
Sería acaido coa realidade produtiva de Galiza que o capital proprio tivese unha presenza hexemónica nunha das grandes compañías do sector. Nacida en Galiza FENOSA conta aquí con centros de produción básicos. ENDESA ten nas Pontes a súa principal central térmica. Sendo unha empresa pública recebiu un impulso determinante cos beneficios conseguidos na explotación dos lignitos das Pontes coa súa central de 1400 Mw, decisiva para compañía ser o que hoxe é: especialmente para a súa expansión internacional, agora xa como sociedade privada. IBERDROLA conta no Sil con parte da súa produción hidroleléctica a través da súa compañía Saltos del Sil.
Que o domicilio social e a propriedade de FENOSA voltase a Galiza sería o resultado dunha volta á razón. Como consecuencia da súa fusión con Unión Eléctrica Madrileña no principio dos anos oitenta foille imposta a provinciana medida de instalarse en Madrid, apesar do peso da empresa galega e de conservar os seus directivos as máximas responsabilidades directivas e operativas na sociedade resultante. Nese tempo, nun dos debates, de grande nível político, que non infrecuentemente tiveron lugar no Parlamento de Galiza, a esquerda e o nacionalismo alí presentes defenderon firmemente unha posición contraria á marcha de FENOSA.
A culminación agora da operación de compra por parte do grupo galego podería ter constituido un elemento máis entre os que contribuirían a distribuir o poder empresarial e institucional de acordo coa realidade produtiva e de orixe do sector eléctrico e enerxético do Estado español. Tendo IBERDROLA a súa casa matriz en Euskadi, e no suposto de que culmine positivamente a OPA de Gas Natural sobre ENDESA, o sector resituaríase na periferia xeográfica, neste caso na realidade institucional e económica das tres nacionalidades constitucionais.
Mais todo iso chocou coa realidade fáctica estatal: despois da OPA lanzada pola filial de La Caixa catalana Gas Natural para a compra de ENDESA, o anuncio da operación galega foi visto en Madrid como unha nova ameaza a un poder indiscutíbel. O intento galego contribuiu a enervar ainda máis a excitación madrileña. Puxo en evidencia o significado da concentración en Madrid dun poder económico do Estado, que se manifesta en todos os ámbitos da industria e dos servizos, das finanzas, dos medios e das estruturas de comunicación. O Madrid económico, que se pretende produto dun dinamismo orixinal interno e alleo ao poder do Estado, é o resultado de decisións expresas tomadas autoritariamente nos anos sesenta do século pasado, sendo potenciado especial e expresamente durante o tempo democrático. Constitui hoxe un elemento nuclear do poder político e ideolóxico do Estado concebido á maneira xacobina, actuando como a contrafigura, tan evidente como ocultada, das institucións democráticas representativas do Estado das autonomías. É recriado sistemáticamente con novos investimentos e decisións políticas e empresariais: no aeroporto de Barajas, no que se invisten cifras que se aproximan ao billón de pesetas, consumindo alí a maior parte dos últimos diñeiros do Fundo de Coesión da UE que viñan para favorecer aos territorios menos desenvolvidos; na centralización das redes ferroviariais de alta velocidade; en autoestradas infinitas, que xa lles resulta imposíbel memorizar aos mesmos madrileños, construidas unhas para evitaren ás outras, reclamándose xa a M60; na instalación alí dos institutos e centros de investigación, das sedes efectivas das grandes compañías, dos bancos, como o Santander ou o Bilbao Vizcaya, antes nas cidades de orixe, das construtoras, entre elas ACS, dos medias, das grandes multinacionais, agora coa pretensión de substituir tamén a Lisboa. A Olimpiada pretendida para Madrid forma parte dunha visión estratéxica actuante que decide por todos sen estar inserida en nengunha Constitución ou Estatuto de Autonomía. Non é unha frivolidade dicer que no palco do Bernabeu se cociñan os domingos entre os convidados operacións que responden a esas realidades. Debemos esperar a ver que transvase se lles ocorre para colmar a sede do futuro Madrid, dos millóns de habitantes suplementarios que se todo segue igual encerrará na Meseta á beira do Manzanares, imposíbel de desalinizar para isto a ideoloxía do seu carácter de rompeolas de las españas.
A venda por Emilio Botín das accións de Unión FENOSA á construtora ACS de Florentino Pérez, pagando este un sobreprezo do 28%, isto é, 621 millóns de euros (103. 494 millóns de pts) sobre o correspondente á cotización previa na Bolsa, ten toda a fasquía, digamos obxectiva, de estar inducida por razóns inspiradas por ese contrapoder político-económico central.
O presidente de ACS non é un aprendiz na relación co poder do que recebe contratos substanciosos, como todas as grandes construtoras. E mesmo un especialista nesa relación. Como presidente do Real Madrid Florentino Pérez logrou hai poucos anos para o clube 60.000 millóns de pesetas por unha operación urbanística nos terrenos da Cidade Deportiva, pactada co daquela alcalde Alberto Ruíz Gallardón. Ese maná permitiulle a compra de xogadores destacados e a venda de camisetas all over the world. Acompañao como vicepresidente do clube Fernando Fernández-Tapias, tamén membro do Consello de Administración de Unión FENOSA no momento en que era comprada por Pérez. Pérez e coñecido de Honorato López Isla, vicepresidente e conselleiro delegado de Unión FENOSA, ambos da mesma promoción na Escola de Enxeñeiros de Camiños de Madrid, así como de outros conselleiros da eléctrica.
Enfin, dados os resultados da operación emprendida polo grupo de sociedades e empresarios galegos para a compra das accións de Unión FENOSA, non pode ser boa a impresión que se teña sobre a astucia dos seus negociadores, dito isto coas reservas que se derivan do xuizo que se faga sobre o comportamento do Botín.
Ignórase cal foi o papel do Governo Galego e se actuou en cuestión tan fundamental con unha voz autorizada. Entre a euforia aparente da primeira hora para virar ao final a cabeza para outro lado, non pareceu haber a participación que corresponde aos representantes democráticos da sociedade galega, facendolle ver cais son os intereses de Galiza aos actores que finalmente realizaron a compra-venta. ACS-Dragados executa entre outras muitas obras en territorio galego as do Porto Exterior da Coruña.
Fose esta actitude unha resignación destinada a facer esquecer o fracaso ou resultase a consecuencia da aceptación dunha decisión propiciada desde as institucións estatais para compensar a operación de Gas Natural ou para preservar poder político-económico madrileño, a sociedade galega debería saber que foi o que realmente pasou. O que ocorreu constitui, en todo o caso, un mostra dos límites da estratexia fundamentada en ter peso en Madrid ou en reivindicar o respeto a Galiza da capital do Estado cando o campo de xogo da economía e da sociedade galegas non pasa por alí, é xa máis aberto e internacional, máis nacional e independente.
voluntario,
09.08.2006 (Id: 5744)
ACS significa "Actividades de Construccións y Servicios". Baixo este nome ocúltase un dos maiores holdings empresariais españois da construcción con participacións en compañías de telecomunicacións, transportes, enerxía... é un dos pesos pesados do parqué madrileño. Saibamos algunhas cousas útiles:
Web comercial:
http://www.grupoacs.com/
Info xenérica:
http://app2.expansion.com/bolsa/cotizaciones/Ficha?opcion=2&cod=M.ACS
Esta compañía está presidido polo multimediático Florentino Pérez, quen foi presidente do Real Madrid. Máis información sobre o individuo eiquí:
http://www.losgenoveses.net/Personajes%20Populares/florentinoperez.html
Supoño que lembrarás aquela movida que houbo na prensa sobre FENOSA, que se quedaba -sic- na Galiza ou se marchaba -seguía- en Madrid. Pois ao final quedou en mans dos madrileños, precisamente debido á "patriótica" intervención de Florentino Pérez para evitar que os "independentistas" do Bloque na Consellería de Industria "nacionalizaran" Unión Fenosa co capital de Caixa Galicia mediante, tal como hoxe pode lerse na descrición do Consello de Administración de Unión Fenosa:
http://www.salacomunicacion.unionfenosa.es/nota.html?id=25943
Xa temos o eslabón perdido entre o capital financieiro español e o galego, e tamén entre o capital financieiro español e o Partido Popular.
Parece que o lume dos montes interesa tanto ao PP como ás corporacións españolas... os do PP poderían mellorar a súa posición ante as próximas municipais, e as súas construtoras poderían construir libremente e ao seu antollo na terra queimada que deixen os seus lumes. Despois só queda agardar a que o bipartito rompa e nada máis...
Agora déixolles a vostedes o exercizo de atopar a ligazón entre o PSOE e a súa parte da tortilla financieira española. Un par de pistas:
TDT:
http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=51671
Financiación dos Partidos Políticos:
http://www.uc3m.es/uc3m/dpto/PU/dppu02/cont.htm#2
alguen,
09.08.2006 (Id: 5757)
O primeiro verán despois da entrada do goberno bipartito (o ano pasado non conta porque os medios eran os que tiña o PP).
Declaracions de Suarez Canal na que di que o numero de lumes é inferior ao do ano pasado que dar comezo a toda esta masacre de lumes.
Declaracions de Fraga dicindo que é normal que haxa lumes cun bipartito.
Os primeiros incendios producense na zona de Pontevedra, onde non salienta o PP por gobernar, e a zona máis castigada agora é a de Santiago, onde tampouco goberna.
Rois, Rianxo e Cotobade son os municipios máis castigados, con alcaldes do BNG o primeiro e PSOE os dous seguintes. Ames, con alcalde socialista está a ser a zona máis castigada no día de hoxe.
Por non falar dos negocios urbanísticos en gobernos do PP.
E podería seguir. Por que non comezar a pensar no PP?
eu,
10.08.2006 (Id: 5797)
O PP e toda a xerarquía franquista que inaugurou a transición democrática -sic- non están dispostos a perder o poder que pensaban ter ben amarradiño a base de redes clientelares montadas sobre as cámaras agrarias que os do BNG con cornos rabo e todo se queren cargar. E a cambio de que caia o goberno do bífidus activo están dispostos a darlle a nosa terra queimada para que xoguen con ela ao monopoly.
temos que ir a por eles antes de que veñan a por nós.