Quen son?
Manoel Santos (altermundo.org)
,
10.08.2006, (Id: 8068)
Algo cambiou este ano na vaga de lumes que agonia esta a nosa Galiza. O sector da construción e os contrarios ás vindeiras políticas de protección ambiental teñen que ser os responsábeis.
A grande pregunta estes días de desolación ambiental é esa: quen son? Porque ninguén dubida de que o acontecido nesta Galiza nosa, convertida nunha gran lumarea de San Xoán e afogada polos fumes dunha incompetencia de décadas na xestión agroforestal, territorial e medioambiental do país, ten que ser unha manobra dun feixe de desalmados, disque terroristas, con fins ou políticos ou económicos. Ou ámbolos dous.
Mafia. Conspiración. Incendios intencionados. Un fártase de escoitar ano tras ano o mesmo discurso que fala de lumes intencionados aos que ninguén pon apelido, nin clara motivación, nin moito menos solución. Lonxe de crer naquela ridícula teoría do caos político-conspirativo de Romay Becaría, o que está claro que ese ¿quen son? hai que ligalo ao máis coherente ¿para que?, pois o ¿como? xa o sabemos: con organización, medios e coñecemento do monte.Ten que ser así porque do contrario non se pode explicar nin a magnitude da desfeita en tan pouco tempo (dende o venres día 4), nin que un goberno de tendencia moi autonomista (tamén nacionalista) reclame a axuda do Estado en a penas tres días, nin a presenza no país de corpos de elite policial expertos en tramas de delincuencia organizadas que ata ofrecen recompensas, como no Far West.
Cal é a difereza este ano? Pois o emprazamento do desastre, costeiro máis ca nada e sempre preto de núcleos habitados, e o troco na dirección do país, que camiña cara a creación dunha serie de leis urbanísticas (feismo, protección do litoral), de montes e medio rural (bancos de terras, repoboamento do agro deshabitado) e mediambientais (reemprazamento de empresas contaminantes, protección de espazos de alto valor ecolóxico) que fan tremer aos que levan anos esnaquizando a terra con formigón, ladrillos e instalacións varias. Velaí a clave. Négome a pensar que os gobernos de esquerdas en Galiza sexan tan incompetentes como para favorecer vagas de lumes como as de 1989 e este ano, pois do mesmo xeito eu teño dereito a pensar que a alguén lle interesa moito que os gobernos desa tendencia sufran ese tipo de catástrofes. Porque intencionadas son, ou non?
Concordo pois coa Plataforma Nunca Máis na teoría da especulación inmobiliaria, que moitas veces é paralela á política. Os incendios preto das casas deixan soares e soares negros, despexados e listos para a construción máis salvaxe (a lei que prohibe a recualificación ata 30 anos despois dun incendio non está en vigor) e, de paso, unha sensación de desgoberno que interesa coma sempre aos gurús das finanzas, que moitas veces coinciden en corpo e alma con políticos enriquecidos dun día para outro.
O mais do que está a arder, malia que se trate do combustíbel creado por décadas de irresponsabilidade política no forestal (especies pirófitas, repoboacións de piñeiros apretados coma latas de sardiñas, monte baixo) e de desleixo por parte dunha poboación que é dona de todo o monte do país (só o 3,3% é público), é territorio no que gorentaría calquera profesional do chalé. Canta urbanización se podería facer nesas abas do litoral galego que, probabelmente grazas ao cambio climático, conta agora con sol todo o verán e prezos aos que todos os petos, ou cando menos os de Madrid, poden chegar sen dificultade!
Non se me ocurre outra razón, outra motivación, e coñecendo ao sector da contrución no litoral, que na súa meirande parte é foráneo e carece de amor pola terra –disque en Marbella debe haber máis dun iate atracado con xente a frotar as mans polo que acontece en Galiza–, non podo máis que relacionar esta especie de apocalipse forestal, de eucalipse galopante, coas urbanizacións que virán, malia que despois, aproveitando o caos, moitos, os de todos os anos (resentidos, gandeiros, cazadores…), se apuntaran ás ansias de destrución.
Cambio na xestión forestal e agraria si. Cambio na inexistente ordenación territorial do país si. Investigación policial si. Pero tamén freo á eucalipse, freo á construción e resposta dunha vez por todas a esa pregunta: quen son? Pero con nomes e apelidos por favor.
alguen,
10.08.2006 (Id: 5791)
O primeiro verán despois da entrada do goberno bipartito (o ano pasado non conta porque os medios eran os que tiña o PP).
Declaracions de Suarez Canal na que di que o numero de lumes é inferior ao do ano pasado que dan comezo a toda esta masacre de lumes.
Declaracions de Fraga dicindo que é normal que haxa lumes cun bipartito.
Os primeiros incendios producense na zona de Pontevedra, onde non salienta o PP por gobernar, e a zona máis castigada agora é a de Santiago, onde tampouco goberna.
Case tódolos concellos que non están gobernados polo PP arderon na súa meirande parte mentres que os concellos gobernados polos populares arden únicamente perto das casas. Rois, Rianxo e Cotobade son os municipios máis castigados, con alcaldes do BNG o primeiro e PSOE os dous seguintes. Ames, con alcalde socialista está a ser a zona máis castigada no día de hoxe.
Por non falar dos negocios urbanísticos en gobernos do PP.
Unha cousa está clara, que os incendios son provocados. Cada incendio ten numerosos focos proximos e en zonas sen conexion algunha. Antes de que comece a arder o monte perto das casas escoitanse estouridos que poden ser artefactos incendiarios. Vense caer obxectos en paracaídas nas zonas onde se declara o lume. Intentan boicotear a saída de medios aereos prendendo lume perto dos aeroportos.
Querennos foder ben, como fixeron hai poucos anos.
un,
10.08.2006 (Id: 5799)
Efectivamente, ca lacra da propiedade privada da terra en galicia topamos (só 3,3% é pública.
Ahí está o mal, que por certo no ano da memoria hai que recordar tamén como base da soldadesca franquista.
Así que haberá que expropiar para facer unha galicia pública e comunal dende abaixo, pero dudo se o goberno de progreso e o bng interclasista sexan capaces de tal cousa.