Diante da situación catastrófica que está vivir Galiza por mor da vaga de lumes forestais que asolan a prática totalidade do país, a Asociación Pola Defensa da Ría quere manifestar o que
segue:
1.Estamos diante dunha das maiores catástrofes ecolóxicas da historia do país.
2.Esta situación, que en nada é nova, non é casual; a política forestal desenvolvida desde os anos corenta, baseada no monocultivo do eucalipto, especie pirofítica de escaso valor económico, medioambiental e social, empobrece e limita a potencialidade do monte galego imposibilitando a posta en prática dun modelo de xestión sustentábel e creando o sustento perfecto para o terrorismo forestal.Hoxe é máis evidente que nunca a existencia dunha clara intencionalidade que mesmo semella respostar a un fenómeno organizado; a coincidencia e focalización dos lumes no espazo e no tempo, nas condicións climáticas máis propicias para facer o maior dano posíbel, e na proximidade dos núcleos urbanos para crear a maior alarma social e provocar o desbordamento da capacidade de resposta da sociedade galega no seu conxunto, evidencian a existencia de tramas organizadas
3.A magnitude da catástrofe fai patente, non só a histórica escaseza de medios dos que dispón o Goberno galego fronte ao lume, senón tamén a falta de medidas preventivas que desde logo non se improvisan da noite para a mañá, e que implicaría unha nova política forestal, sustentábel, no marco dunha nova economía rural diversificada que, entre outros aspectos, aborde a vertebración do país fixando a poboación no seu contorno natural.
4. Recoñecendo que, a diferenza doutras catástrofes, o Goberno galego está a actuar cos escasos medios dos que dispón e informa puntualmente das cifras da desfeita, cómpre subliñar que unha volta máis é a sociedade galega que asume o combate en primeira liña5.Solicitamos das autoridades o maior rigor na investigación dos incendios, a persecución sen cuartel dos terroristas forestais e o seu castigo exemplar.
Neste sentido, a APDR fai un chamamento á poboación para que na medida das súas posibilidades colabore na loita contra o lume, denunciando posíbeis práticas delictivas contra o medio ambiente e poñéndose a disposición dos organismos públicos competentes
Pontevedra, 9 de Agosto de 2006.
http://www.apdr.info