Arredor da crise nacional polos lumes
www.frentepopulargalega.org
,
17.08.2006, (Id: 8230)
Comunicado da FPG arredor da crise nacional creada pola vaga de lumes.
1º A Frente Popular Galega non pretendeu nin pretende entrar neste momento de auténtica emerxencia nacional en discusións e liortas estéreis nin en demagoxias fáciles sobre culpabilidades. Ao seu debido tempo realizaremos a nosa propia análise e avaliación.
2º En calquera caso demostrouse a incapacidade do marco autonómico para planificar os nosos sectores estratéxicos nacionais e a falta de decisión dos partidos gobernantes para implementar, mesmo dentro da súa legalidade, os mínimos que permitirían reconducir a situación. Neste sentido cómpre lembrar os puntos 7 (Acordo Urbanístico Nacional), 9 (Política Nacional de Medio Ambiente), 10 (Refundación agraria e gandeira) e 11 (Reformulación dos montes comunais) da Batería de Urxencias que o noso Partido esixíu ao goberno PSOE-BNG en xaneiro deste ano.
3º A FPG non cansará en reclamar dos poderes da CAG a posta en marcha dunha nova política agro-gandeira e forestal valente e decidida, baseada na planificación pública e consensuada entre todos os sectores populares implicados, que deberá pasar inexcusabelmente por unha auténtica Reforma Agraria que contemple, entre outras, medidas de tipo expropiatorio de terras non cultivadas. Unha peza fundamental desta Reforma será o establecemento dun Plan Nacional de Montes.
4º Cómpre denunciar a atitude hipócrita do PP, co dúo da manguerita Rajoy-Feijoo á cabeza, intentando agochar as súas responsabilidades, da que non é a menor a situación actual de selvaxe especulación urbanística, con ridículas montaxes mediáticas. Desde a FPG apoiamos a demanda popular de ampla transparencia e esclarecemento de quen organiza os lumes e de quen se beneficia deles.
5º Ante o dito a FPG apoia a convocatoria de manifestación nacional realizada pola plataforma Nunca Máis entendéndose non como un cheque en branco ás actuais autoridades autonómicas senón para esixirlles novamente un cambio de rumbo nas súas políticas urbanísticas, medio-ambientais, agro-gandeiras e forestais, que permitan poñer as bases da urxente rexeneración de Galiza.
Agosto de 2006