Crónica Reconquista de Toralla 07
Colectivo Xogo Descuberto
,
10.09.2007, (Id: 12260)
Resumo sobre o acontecido o sábado 8 de setembro
O Colectivo Xogo Descuberto, decidimos facer un chamamento para berrar con forza a favor dunha Illa de Toralla de uso público, e para mostrar o noso descontento por toda-las nefastas consecuencias dunha especulación urbanística que está a rematar co patrimonio natural e histórico da mesma. Máis de 30 chalets sobre un castro da Idade de Ferro con evidencias de comercio mediterráneo e unha necrópolis romana, ademáis dunha ponte que divide o areal en dous e unha torre de case 70 metros (máis alta que o Hospital Xeral, ou as torres de García Barbón), que estraga por completo as vistas a nosa fermosa ría.
Achegándonos á hora señalada, comezamos un percorrido a ritmo de percusións, saxo e bombardino, reclutando xente pola praia do Vao ata reunirnos cos demáis compañeir@s no principio da ponte. E alí estaban, a A.C. Caleidoskopio, A.X. Luar, A.C. A Revolta, Bouzas-movete, G.A.S, Salvemos Monteferro, Radio Piratona, Verdegaia, AC Radikal Audiovisual ou a Asociación de Veciños do Casco Vello entre outros colectivos, asociacións e demáis xente que acudira pola causa (moi agradecidos!). Comezaba a Primeira Reconquista de Toralla, cun batallón de 300 piratas aproximadamente avanzando pola ponte, e unhas doce embarcacións apoiando pola auga e ondeando as bandeiras negras coa caveira e mailos dous ósos. Cabe destacar ademáis a presencia dunha balsa de reciclaxe feita únicamente de botellas valeiras por dúas compañeiras.
As consignas eran claras: “Non máis illas de cemento”, “Eu tamén quero unha illa”, “Fora a barreira de Toralla”, entre outras que se alternaban cunha melodía que invitaba a corea-lo vello “Ron, ron, ron…”; e que de cando en cando era interrumpida por un berro pirata que deixaba ben claro que estabamos alí e porqué motivo.
Chegados á fin da ponte, reuníamonos c@s compañeir@s que desembarcaban recibidos cunha forte ovación. Tras un anaco para descansar e dar un baño, diríxímonos para remata-lo acto diante da barreira, símbolo da inxustiza antes mencionada e onde procedemos á lectura dos manifestos dos distintos colectivos e asociacións.
Reanudáronse así os berros e consignas coreadas, pero desta vez cara o interior da illa, paseando pacíficamente e respetando tanto o entorno como ós residentes. Pouco durou a andanza, e para moitos á primeira vez que tivemos a oportunidade de ve-la illa tralas verxas e barreiras; xa que tres furgóns antidisturbios irrumperon para sacarnos de alí, segundo as verbas dalgún deles, “polas boas ou polas malas”. Coido que o cheiro a prepotencia e mala hostia chegaba ata Samil, e así, porra na man e a empurróns iniciaron o desaloxo. Un exemplo de violencia policial que por desgracia estamos FARTOS de sufrir. Malia que saímos de alí pacíficamente coma ordearon, parece ser que tiñan ganas de sacarlle partido á viaxe que fixeron, xa que non dubidaron en correr a porrazos a un dos compañeiros que filmaba o acto cunha cámara (que casualidade, precisamente a él). Máis él non foi o único que recibíu algún golpe, e coma de costume, abusando da súa autoridade, xustifican por completo a imaxe que temos deles.
Sen embargo, un pelotón de descerebrados non nubrou un acto reinvidicativo de festa e protesta a partes iguais, e que lembraremos con agarimo por ser o primeiro de moitos se as cousas seguen como están. E é que o sábado 8, aínda que tan só fose por un anaco, a Illa de Toralla foi de tod@s.