O mundo empresarial é un dos eidos nos que tradicionalmente houbo máis reticencias para unha incorporación normal do galego. Movidas por prexuízos culturais foron demasiadas as empresas que, malia estar totalmente galeguizadas no seu desenvolvemento interno, vendían os seus produtos ou ofrecían os seus servizos en idioma alleo.
Pero xa desde principios dos anos oitenta houbo importantes empresas que optaron por incorporar con normalidade o uso do galego, sendo hoxe en día cada vez máis habitual a presenza da lingua propia de Galiza no eido empresarial.
Porén, a Confederación de Empresarios de Pontevedra semella permanecer ancorada no pasado, inmóbil no seu rexeitamento ao uso do galego. E isto malia que a súa matriz, a Confederación de Empresarios de Galiza, se declara "en sintonía coa sensibilización lingüística presente na sociedade", e asegura que "asumiu o reto de apostar decididamente polo uso e extensión do galego, pilotando un proxecto de dinamización lingüística enfocado ao ámbito empresarial".
Desde a Ciberirmandade da Fala queremos darlle aínda máis motivosSegue a ler á CEP para que mude a súa actitude, e faga do galego a lingua de seu. Envíalle un correo desde aquí .
http://www.ciberirmandade.org/sitio2007/component/option,com_obxetivos/task,envioweb/id,103/
Grazas por colaborar!
CiberIrmandade da Fala
Texto do Prego:
Prezados señores, prezadas señoras,
O sector empresarial, nomeadamente as pequenas e medianas empresas, son
un elemento crucial para o desenvolvemento de Galiza, tanto no aspecto
económico como no social. Nese sentido considero de grande importancia
certas iniciativas da Confederación de Empresarios de Pontevedra, como
a promoción da incorporación das tecnoloxías da información e
comunicación ás empresas. É este un camiño, na miña opinión, moi
acertado.
Porén, chámame a atención que sendo tan capaces de ver a importancia
das TIC, non sexan quen de percibir que o trato co cliente é unha das
ferramentas de máis valor que teñen as PEMES, e de que a lingua na que
se establecen esas relacións é fundamental.
É unha mágoa que a CEP dea tan mal exemplo ás empresas da provincia,
facendo un uso raquítico do galego e non tendo nin tan sequera unha
versión en galego da súa páxina web. Esta actitude tan negativa chega
incluso a provocar situacións tan incomprensibles como a de promocionar
uns "Encuentros de negocio Luso-Galaicos" integramente en español.
Prégolle que de aquí en diante teña en conta a importancia que o uso do
galego ten para unha grande parte da poboación, e que actúe en
consecuencia dando pasos decididos para facer desta lingua a de uso
normal na CEP, comezando por ofrecer unha versión en galego da súa
páxina web.
Atentamente,
NOME
DNI