Os traballadores da construtora Marbar fechados nas instalacións da empresa ante a fuxida do xefe
CIG
,
23.01.2008, (Id: 13965)
Son un total de 56 empregados os que veñen de ficar sen traballo e co dono da empresa desaparecido, repartidos entre os diferentes negocios de Construcións Marbar SL. O grupo de empresas dedicábase á extracción de pedra dunha canteira próxima, a súa transformación, así como a construción e promoción de vivendas. Era unha das firmas máis importantes do seu sector na zona do Baixomiño.
O grupo engloba ás compañías Edificacións Marbar, Granitos Tebra, Granite 99 e Promocións Marbar 04, que ocupan unha nave industrial de máis de 3.000 metros cadrados preto da estrada principal que atravesa a parroquia de Tebra.
O dono do grupo empresarial, Manuel Martínez Barros, permanece desaparecido e fixo desaparecer con el moita da maquinaria pesada da empresa.
Os traballadores acudían a traballar o luns 21 de xaneiro ás seis da mañá, como todas as semanas. Pero este luns non foi como outro calquera. Nada máis chegar, o fillo do dono chamou ao encargado e reuniu aos empregados para darlle unha noticia: “marchade para casa, porque a empresa vai pechar”.
Os traballadores puxéronse en contacto coa CIG, que se achegou até o centro de traballo “desde o primeiro momento para asesorar e axudar aos traballadores e traballadoras da empresa, así como para buscar unha solución á situación”, segundo informaba Serafín Fernández, secretario da Unión Local de A Guarda da CIG.
Contratos en fraude de lei
O dono de Construcións Marbar SL está desaparecido, os empregados quedaron sen traballo dun día para o outro, non cobraron os 20 días de xaneiro que traballaron, e aínda que contan xa coa carta de despedimento, na que se alega “razóns económicas”, moitos deles encadeaban contratos de obra desde o ano 88, polo que presentarán demanda por ter contratos en fraude de lei (un 90% deles), así como presentarán outras demandas por cuestión das cantidades do finiquito e indemnizacións, “aínda que está pendente de resolver quen vai pagar esas cifras, xa que non temos interlocutor”.
Na mañá do 21 de xaneiro fixeron acto de presenza dúas inspectoras da Delegación de Traballo, ante a chamada da CIG, para coñecer cal era a situación do persoal e da empresa.
Peche na empresa
Por esta situación, os traballadores levan pechados desde o luns 21 de xaneiro na sede da empresa, onde aínda permanece moita maquinaria de tratamento e corte do granito coa que traballaban. Con este peche, con quendas noite e día, queren evitar a descapitalización da empresa e protexer toda a maquinaria que aínda permanece no interior da mesma.
Xulio Vicente, membro da Executiva Comarcal da CIG da Construción avaliaba a situación na que se atopa a empresa ollando cara o futuro xa que “ten que servir de experiencia para andar un pouco cos ollos abertos e non lle dar tanto vantaxe a un empresario delincuente destes, que se lle puxo todo en bandexa pola boa fe da xente, e está visto que non se pode ter boa fe. Un traballador o que ten que facer é comprometerse co seu traballo, e esixirlle ao empresario o seu”.
O soldo medio dos empregados era de 1.000 euros, con pagas extras incluídas, por xornadas de dez horas diarias e con 15 días de vacacións anuais, cando o que estabelece o convenio, xa referíndonos só á cuestión salarial, é de 1.500 euros mensuais.
A marcha do empresario colleu desapercibidos aos obreiros, que non estaban organizados sindicalmente e que mesmo non escolleran comité de empresa por medo ás represalias do construtor, que impuña as condicións laborais e que exercía moita presión sobre os traballadores.
Problemas inmobiliarios en A Cañiza
Ademais os traballadores informaron que tiñan en execución e case rematados nove edificios en A Cañiza, que suman máis de 300 vivendas, así como chalés en Tomiño, entre outros, e é que só en A Cañiza “hai máis de 150 persoas que mercaron un piso que agora está embargado polos bancos”, informaba Xulio Vicente. O xefe fuxido conta con unha lista de acredores (electricistas, escaiolistas, pintores, etc) aos que lles debe fortes cifras.
O mércores 22 de xaneiro os traballadores e traballadoras afectadas manterán unha asemblea ás sete da tarde no local de A Guarda da CIG, para informar das posíbeis novidades e movementos que haxa do caso, así como estará presente a asesoría xurídica da CIG para comezar canto antes o proceso de demandas e reclamacións á empresa.