A CiberIrmandade da Fala propón unha nova campaña para promover a galeguización das embotelladoras de augas de Galiza. A escolla dunha auga dun manancial galego fronte a outras de diversas procedencias é algo habitual na meirande parte dos cidadáns.
Mais moitas das grandes empresas embotelladoras de Galiza, Augas de Mondariz, Fontecelta, Augas de Sousas ou Aguasana, só usan o galego, no mellor dos casos, na súa denominación, esquecéndoo no resto das súas actividades, na publicidade, nas etiquetaxes, nas páxinas web...
A CiberIrmandade da Fala convídate a comunicarte con elas e demandarlles un maior uso do galego en todos os eidos, nomeadamente nas súas webs.
Manda un prego a todas estas empresas dende a seguinte ligazón:
http://www.ciberirmandade.org/sitio2007/component/option,com_obxetivos/task,envioweb/id,104/
Grazas por colaborar ;)
PREGO en RAG e AGAL:
Prezados/as señores/as,
A calidade das augas de Galiza é motivo de grande orgullo para moitos galegos e galegas. Que a súa empresa embotelle e comercialice este produto, poñéndoo en valor e contribúa así á creación de riqueza e ao desenvolvemento do país, é tamén fonte de satisfacción para moitos de nós.
Quero facerlle chegar, porén, o meu malestar pola pouca atención que a súa empresa presta á lingua galega, xa que esta está ausente na práctica totalidade das súas comunicacións, etiquetaxes, anuncios... así como na súa web.
Como cidadán e potencial cliente das súas augas prégolle que teña en conta que somos moitos e moitas os que temos en conta as actitudes lingüísticas das empresas á hora de optar por un ou outro produto. Que as súas augas unan á súa calidade, un tratamento digno do galego facéndoo a súa lingua normal de comunicación en Galiza, sería para min
de vital importancia á hora de facer a miña escolla diaria.
Por último recordarlle que, tanto a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) desde a súa web, como a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrecen un servizo gratuíto de normalización lingüística que fai inexcusábel a falta da opción de galego en calquera das súas páxinas web.
Esperando que teñan en consideración as miñas suxestións, reciban un cordial saúdo.
NOME
DNI