Consellos para o verán
o curmán do Fervello
,
25.07.2008, (Id: 16539)
Verán o que é pasar un verán na Galiza nas mellores condicións (posibeis)
Avisos para toristas.
Empeza a calor, colegas, e trae con él a desidia, o tempo de lecer, as gañas de non rañala.
Así que, se teñen tempo, ocupen as horas e os días como lles pete e gasten, qué digo, poñan a ferver a tarxeta de crédito e abran en canal a VISA.
Por se fora preciso, e de balde, e sen subvención, aí van uns consellos para pasar un verán de Nazón sen Estatuto:
1. Cando cheguen á praia, levarán nas orellas, pegada como un cliche, a letanía de que media España estaba totalmente seca e que mesmo Galiza sempre ten problemas desa clase mediado o mes de agosto.
Pois ben, poderán observar en todo areal de medio pelo ondear unha bandeira azul, como a nova estrela do BNG, azul con ecos de Rubén Darío, o que trae aparellado a instalación de varias duchas a caneiro cheo nas que nenos entrados en carnes e apáticos tiran litros e litros de áuga pra se quitar unhas areas; despois, ou detrás, aparece algunha boa señora e algún macho que atacan a pingueira durante tanto tempo que parece que o aparello é seu ou dos seus cuñados. E veña, e veña, e veña a tirar áuga.
Hai uns días estiven en Barcelona, capital dunha Nazón con Estatuto e balanza fiscal pese a todo saneada, e na praia da Barceloneta estaban as dichosas duchas públicas botando por fóra como botan os políticos da Xunta.
Mais non quedaramos que Barcelona era un deserto, que non había líquido elemento nen para os goteiros e o rego pinga a pinga?
Así que aí vai o primeiro consello: declaran-se insubmisos á ducha litoral, e protesten no Concello que corresponda. Eu xa o fixen e agardo resposta, e despois irei ao Valedor do Pobo.
2. Ser de acó ou ser de aló, como dicía a canción, non exime nen libra de ser crucificado nas casas de xantar do País.
Semella que as empresas hosteleiras teñen que facer os cartos de todo o ano en tempo cronometrado e, así, canto máis craven no fociño da clientela antes acaban e poden iren ao furancho do parente.
O consello non pode ser mellor: recuperen o bocata de tortilla francesa (non sei cómo se dí "tortilla francesa” en galego normativo, pero xa me entenden) ou se agora son sibaritas, ao xamón Guijuelo (leva ¨ ?) en lonchas, garrafiña de tinto en transfusión e plátano, que non me falte o plátano de Canarias.
3. Cando chove e estás de vacacións, pensas que a vida é unha putada; despois descubres un “Palé” e unha lotería nun armario do que previamente sairon todos e botas-te unhas tardes morriñentas agrolando o que caia na mesa.
Ah, pero, e se chove varios días seguidos e ti estás queimado coas noticias sobre o sol que “brilla en toda la costa Cantábrica”? Eh?
Entón o mellor é visitar lugares emblemáticos do País trasladando-se por vías secundarias. Algo así como unha viaxe iniciática pero montada toda a familia no “Freire”, no “Rápido de Bouzas”, en “Trasportes La Unión” ou “Núñez Barros”. Verán que verán pasan.
Aludía a lugares emblemáticos de Galiza. Por exemplo, é parada obrigada o centro onde se cría o cabalo de pura raza galega que, na perspicaz opinión do Vice Anxo Quintana, é un “sinal de identidade do noso País”; se prefiren animais máis domésticos –e non estou a referir-me a tipos como Fernández Albor ou Pérez Varela- entón estamos sen dúbida a falar da galiña de Mos, outro sinal identitario equivalente ao galo de Barcelos pero con música de fondo, ou do can de palleiro ou do porco celta, miren no que acabou o celtismo de Murguía.
Consello terceiro: se non queren, se non poden, se perderon as habilidades poden ir visitar ao poni do escritor Alfredo Conde que vive na bisbarra compostelá e estará moi gostoso de que contemplen ao cabaliño papando os artigos do escritor publicados en “El Correo Gallego”.
4. Algúns colonizados veranean en países exóticos, ou sexa, en países que non son Galiza. Trincan unha pasaxe de avión e liscan cara a terras con ruinas, pedras a medio labrar e trozos do cousas sen identificar.
Galiza pode oferecer algo máis novidoso. Visiten, sí, visiten, as futuras ruinas das promocións de FADESA nas terras de Manolo Fraga, concello de Miño. Decenas de chaletes a medio construir deitados ao sol ollando cara a Sada. Magníficas vistas e silencio asegurado: non vive nen Cristo na urbanización. Do campo de golf, nen unha herba pra fumar e a traída de áuga, ja, a traída de áuga, vaia pipiolos.
Consello cuarto: vistan-se como se foran beduinos e den un paseo ecuestre montados nos cabalos de pura raza galega polo que pronto será un motivo de tristura para tantas familias hiper-mega hipotecadas ás que, con xesto de desprezo, referiu-se o Presidente Touriño hai uns días.
Penso, honradamante, que con estes consellos teñen ben pra quince días pero se pensan botar un mes entre nós hai máis alternativas de Nazón. A saber: un recorrido polas obras da Cidade da Cultura no Monte Gaiás no que se están a soterrar varios centos de millóns de euros como se fora o máis normal do mundo; ou a ruta alternativa de verquidos fecais ás praias ou a de vertedoiros ilegais de cachos de lavadoras e mobles salvados de San Xoán.
En fin, un verán inolvidable en Galiza.
O curmán do Fervello.