Comunicado de Amadeu Casellas
jester
,
01.09.2008, (Id: 16866)
En primeiro lugar voume a presentar, para os que non me coñecen. Chámome Amadeu Casellas Ramon, levo no cárcere máis de dúas décadas e estou en folga de fame desde o día 22 de xuño de 2008. Haberá xente que estea de acordo co que estou a facer, e outra que non; todos merecen o meu respecto, porque niso se basean as liberdades individuais.
Os motivos que me levaron a esta folga de fame (até as últimas consecuencias) son: denunciar e protestar pola situación en que se atopan, nos cárceres cataláns e de todo o estado, compañeiros meus, e eu mesmo. Porque detrás destes muros cométense todo tipo de abusos e torturas por parte das institucións penais, coa permisividade e complicidade dos xulgados de vixilancia, e coa cegueira, cinismo e hipocrisía a que nos teñen afeitos os políticos e a xustiza.
A maioría dos que estamos dentro destes muros non pedimos un trato de favor nin de privilexio por parte das institucións penais, nin dos xuíces, nin dos políticos; contrariamente aos Julián Muñoz, Javier de la Rosa, os Alberto, Mariano Rubio, os do caso Filesa, Mariano Conde, Barrionuevo, Conde, Rafael Bera, Puigneró... e un longo etcétera. Porque todos sabemos que eles poden comprar a súa liberdade, con diñeiro e influencias.
A miña denuncia e protesta é para os que, como eu, son pobres, obreiros, ou xente que, simplemente, vimos de lugares marxinados. Nin nós, nin as nosas familias, podemos comprar esa liberdade, e temos que loitala cos poucos medios de que dispomos. No meu caso, como no de tantos outros compañeiros, cumprín o máximo de encarceramento establecido polo código penal vixente: 20 anos, ou 30 co código antigo.
Pero néganme a liberdade porque eu non son sumiso cun sistema penal e penitenciario podrecido e corrupto, tal como se demostra no día a día, en que esta constitución e estas leis catalás e españolas das que tanto falan os políticos e os xuíces non se aplican. Por que non me conceden a limitación de condena? A resposta é moi sinxela: porque nacín pobre, como tantos outros compañeiros. E non podemos esquecer que, en democracia, gózase de liberdade a cambio de non utilizala.
Non sei como acabará esta folga. Teño a esperanza de que se me o que, por lei e dereito, correspóndeme, e sexa libre, ao fin. Tamén espero que esta folga sirva para que os meus compañeiros teñan un pouco máis de luz e de esperanza; porque moitos deles non teñen a mesma fortaleza e quedan polo camiño e no esquecemento.
Tamén quero aproveitar este comunicado para agradecer publicamente o apoio que estou a recibir por parte da miña nai, á que quero moitísimo; á CNT de Manresa e de todos sitios; aos meus grandes amigos (...) e tantos outros que non digo, porque a lista sería inacabable. A todos, grazas polo voso apoio. Tamén quero agradecer a todos os que me están escribindo e apoiando: porque, sen o voso apoio, o máis seguro é que me fallasen as forzas. Grazas a todos.
Tamén quero darlles de maneira moi especial as grazas á miña avogada e ao seu compañeiro, porque a pesar das dificultades que estades a ter, non me deixastes nin un minuto.
Grazas a todos! A folga de fame continua, e a loita será longa. Pero, entre todos vós, co voso apoio, gañaremos e serei libre.
Un fraternal abrazo libertario.
Liberdade ou morte.
Saúde e anarquía!
Post Data: Hoxe nós somos os que estamos dentro, pero? mañá podedes ser vós?
Amadeu Casellas Ramon
Hospital Penal de Terrassa,
27 de agosto de 2008