Festiclown e Pallasos en Rebeldía denuncian o masacre contra campesiños en Chiapas
Festiclown e Pallasos en Rebeldía
,
10.10.2008, (Id: 17189)
Comunicado conxunto de Festiclown e Pallasos en Rebeldía para denunciar o último masacre cometido polas policías federal e estatal mexicanas contra poboación indíxena de Chiapas por defenderen a súa terra e os seus recursos.
DE NOVO, ASASINATOS
Festiclown e Pallasos en Rebeldía denuncian o masacre contra campesiños en Chiapas
O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, e o colectivo galego Pallasos en Rebeldía, queremos denunciar o último masacre que a violencia militar do goberno mexicano deixou nas comunidades do Estado de Chiapas. Foron 6 campesiños mortos e 17 feridos o resultado dun novo episodio de violación dos dereitos humanos acontecido en territorio rebelde mexicano por efectivos do goberno.
O pasado 3 de outubro, na comunidade de Miguel Hidalgo (Chiapas) realizouse un operativo policial no que participaron efectivos policiais estatais e federais contra as e os indígenas que ocupaban o centro arqueológico de Chinkultic. A acción remóntase ao pasado 7 de setembro, cando poboadores de Miguel Hidalgo “se apoderaronse” da administración da zona arqueolóxica Chinkultic porque consideraban que o Instituto Nacional de Antropología e Historia (INAH), controlado polo goberno federal, no lle estaba a dar mantemento adecuado e usufructuaba excesivamente o sitio sen que iso xerase beneficios para as comunidades da zona.
Como resultado desa acción foron asasinados seis campesiños, dezasete acabaron con feridas de diversa consideración, e trinta e sete máis foron detidos. Xulgamos que a privación arbitraria da vida e da integridade persoais son claras violacións aos dereitos humanos perante os cales non poden quedar calados os e as cidadáns de ningún lugar do mundo.
Solicitamos a toda a cidadanía, e a todas as persoas que durante estes 8 anos de Festiclown se solidarizaron cos pobos indíxenas de México e coa causa zapatista, que neste momento de grande perigo para a poboación civil de Chiapas esixan ás institucións que se poñan do lado dos dereitos humanos e que presionen os gobernos de Felipe Calderón e Juan Sabines. Non podemos consentir que se volva repetir o xenocidio indíxena que viviu Chiapas ata o levantamento zapatista, así como aconteceu nos primeiros días do 94 e no terrible suceso de Acteal no 97, entre outros tantos acontecidos tamén no que vai de ano.
Neste sentido, nos últimos meses, son recorrentes as intervencións armadas contra a poboación indíxena, que se resiste a abandonar sen máis a terra dos seus antepasados diante das desproporcionadas esixencias do goberno mexicano. As detencións sumarias, asasinatos ou encarceramentos están á orde do día.
Nestes intres, comunidades enteiras están baixo a ameaza da violencia militar e paramilitar dirixida polo goberno da república e do estado por cometer un único crime: o de loitar pacificamente por un mundo máis xusto onde a cor da terra tivese o seu sitio e o indíxena non fose un refugallo humano do que a globalización puidese prescindir.
O Festiclown, que traballa en Chiapas desde o seu inicio, colaborando grazas á solidariedade dos galegos e das galegas e do resto da xente que acompañou este proxecto, solidarízarase unha vez máis coa poboación indíxena e colócase ao carón dos que menos teñen e que máis achegaron nos últimos 14 anos á democracia global. Por este motivo, solicitamos dos medios de comunicación e de toda a xente que reciba esta mensaxe que se fagan eco da denuncia e que non abandonen as comunidades ante o atropelo e as agresións que están a sufrir nestes momentos.
Festiclown e Pallasos en Rebeldía.