SARRIA LIBRE DE TOURADAS
A XENTE DE LUGO
,
30.06.2009, (Id: 20292)
A tourada das Festas do San Xoán de Sarria non ficou sen resposta. A convocatoria dunha concentración antitaurina en Sarria foi secundada por máis dun cento de persoas que expresaron a súa enérxica oposición e tentaron sensibilizar á xente do pobo fronte ao maltrato animal.
Sensibilización
Dereitos para os animais
Sarria sen touradas
Ante a celebración da tortura e matanza de seis touros en Sarria o pasado domingo 28 de xuño, un cento de persoas, algunhas chegadas de lonxe, manifestamos a nosa oposición a semellante salvaxada importada das españas.
Xa dende a mañá, algúns se ocuparon de sensibilizar ao pobo contra o maltrato dos animais. A un pobo, o de Sarria que tamén repudia masivamente semellantes atrocidades e que ten que aturar como, cando lles peta, catro hosteleiros aburridos e insensíbeis ao sufrimento se adican a organizar e promover estas torturas que nos insultan a todos.
Unha praza móbil con aforo para 4000 persoas apenas albergou a 2000 espectadores cómplices, na súa meirande parte chegados de fóra da vila, dunha vila de máis de 10.000 habitantes.
Ante a entrada masiva de menores no recinto, algunhas organizacións estudan a posibilidade de emprender accións legais contra os promotores así como contra o Concello que o consinte. Dado que ese feito produciuse ante a ollada impasíbel da Policía Municipal e da Garda Civil, que en considerábel número protexeron a celebración do acto.
Ademáis, procedeuse á recollida de sinaturas de cara a emprender a solicitude de declaración de Sarria como Concello libre de touradas, para evitar que semellantes e ignominiosas iniciativas volten producirse nos vindeiros anos.
Na concentración repartíronse panfletos coma este:
En cada pobo hai sempre xente que non sabe como divertirse. Acostuman ser poucos, pero decote fastidian a todos, e as veces ata o fastidian todo. En cada pobo hai sempre uns poucos que non acadan o mínimo de sensibilidade, e moitas veces esquecen principios clave para a convivencia coma o respeto, a dignidade ou a integridade dos demais. En cada pobo hai sempre quen vive e se divirte “a costa de”.
E en Sarria tamén.
Son poucos é verdade, moi poucos, pero contan cun grande aliado: o silencio e a pasividade cómplice dos máis.
Hoxe preténdese celebrar en Sarria un acto cruel e inhumano á vista de todos. Un acto onde seres humanos insensíbeis ao sufrimento alleo, matan un animal despois de torturalo. Os seus promotores pretenden presentalo coma un espetáculo, coma se se poidera facer da tortura un espetáculo! Namentras o Concello, demostrando tamén a súa indigna falla de civismo e dignidade, autoriza semellante horror.
Ante unha barbarie así, e deixando aparte a irresponsabilidade institucional, un pregúntase ¿quen pode disfrutar co sufrimento? ¿Que alma insensíbel pode gozar co sufrimento dun animal? Porque na miña aldea, coma en moitas outras da Galiza, as vellas acostuman lembrar sempre que “quen maltrata aos animais, non pode ser boa persoa”.
Por iso, ¿que imos facer en Sarria ante esta barbaridade? ¿Imos mirar cara outro lado namentras algúns veciños se divirten torturando diante das nosas casas? ¿É isto educativo para os nosos fillos? ¿É algo propio dunha festa? ¿É algo que debamos consentir?
¿Cando sabemos que a inmensa maioría da xente neste país de artistas e de boa xente detesta o maltrato aos animais, ¿por que non podemos exixir ás nosas institucións que protexan o dereito da maioría a vivir en paz?
POR UNHA SARRIA QUE SABE DIVERTIRSE!
POR UNHA SARRIA SENSIBLE E CON BO GUSTO!
POR UNHA SARRIA CIVILIZADA!
POR UNHA SARRIA LIBRE DE TORTURA!
POR UNHA SARRIA LIBRE DE TOURADAS!