galiza.indymedia.org
Crónica da mani migrante do 18-O
Somos Migrantes , 21.10.2009, (Id: 21315)

Un frouxo ambiente ás 17:00 h. da tarde na Praza das Conchiñas (quizáis, como un compañeiro senegalés apontaba, porque el*s teñen o costume de comer perto desa hora) foise quentando a ritmos de percusión senegalesa. E con eles, pouco a pouco, a praza foi collendo ritmo coa primeira proposta das coordenadoras das accións da mani: empezaron a verse galegas convertidas en kurdistaníes, senegaleses tornados en galegos, uruguaias en sudanesas,...

Foron quentando os motores da nosa marcha, que partía do corazón dun dos bairros que concentra a maior parte da poboación migrante da cidade da Coruña.

A manifestación foi enchendo a rúa Barcelona coreando o lema “Todas somos... inmigrantes”, e espertaba a curiosidade das veciñas e veciños, moitas delas orixinarias de paises (xeográficamente) lonxanos de asomarse ás fiestras,e aplaudir e sorrir ante os nosos berros.

|Reportagem fotográfica| |Reportagem audiovisual|

Editoriais anteriores:|Convocatória da manifestaçom do 18-O| |Manifesto contra a Reforma da Lei de Extranxería| |Defender migrantes nom é delito| |NOM as deportaçons pola propiedade intelectual|




Baixamos a Avda de Fisterra paseniño, ocupando todo a vía, e rompendo a timidez inicial. O megáfono da cabeceira ía rulando de man en man, para turnar as gorxas d*s participantes.

Os lemas empezaron a ser variados: “Aquí..., Aquí..., Non Sobra ninguén !!!”, “O pobo galego..., tamén emigrou”, “Pontes sí..., muros non” ata chegar o centro da Praza de Pontevedra, que foi ocupada polo colectivo, que asitiu atento á representación teatral da chegada dunha patera ás nosas costas, mentres se explicaban os datos de mortes no Estreito e de cómo Europa xoga cos fluxos migratorios según lle convén ó capital, quedando no camiño, mortas, nos fondos mariños, milleiros de vidas: “Non máis mortes no Estreito.., Liberdade de Movemento”.

“Sobrevivir non é delito” escoitaron os paseantes cando a manifestación, que foi incorporando persoas, enfilaba xa as peonais e céntricas rúas da cidade.

Seguinte parada: ás portas da Rúa Real, epicentro do “mercado” dos top-manta onde, casí diariamente, os vendedores ambulantes sofren a represión policial en forma de redadas e persecucións. Práctica habitual nos últimos anos debido á presión da poderosa SGAE e a algún que outro comerciante local sen escrúpulos.

Continuou a nosa marcha, coa atenta e curiosa mirada dos viandantes ante os mesmos berros e o percutir africano dos tambores, ata rematar fronte a Subdelegación do Goberno, que alberga a Oficina de Extranjeros (nótese o masculino xenérico que utiliza o Estado).

Alí representouse o especialmente duras que se tornaran as condicións para as mulleres migrantes de se aprobar esta nova reforma porque, as mulleres en situación irregular que sexan vítimas de violencia de xénero, poderán ser obxecto dun expediente de expulsión, o que provoca o medo a denunciar e prima a situación irregular da muller á protección dos Dereitos Humanos.

Un compa senegalés e outro panameño leron o manifesto e demos por rematada a acción, invitando ás participantes a seguir o evoluir da Reforma da Lei e as vindeiras mobilizacións polos dereitos das persoas migrantes.

GRACIAS A TOD*S POR ASISTIR E VÉMONOS NAS RÚAS!