A reformulación do nacionalismo de esquerdas
Xurxo Martínez González
,
27.10.2009, (Id: 21389)
Algúns confúndense cando queren que a reformulación sexa algo instantáneo, que se cheguen a conclusións definitivas case de xeito inmediato.
Algúns militantes nacionalistas vimos defendendo o que se deu en chamar a "reformulación do nacionalismo de esquerdas". Unha idea que se foi espallando entre determinadas organizacións e correntes políticas que tiveron posturas diverxentes co vieiro escollido polo BNG. A reformulación foi calando cada vez máis e máis se avanzou na necesidade de dar o seguinte chanzo, é dicir, que determinadas organizacións iniciaran un proceso de recoñecemento mutuo e de achegamento na procura dun diálogo estreito.
Iniciouse entón un proceso de contactos para intercambiar posturas, analizar a situación sociopolítica e pór en común as conclusións. Pódese dicir que os axentes orgánicos implicados acadaron unha sintonía moi alta e amosaba a ridiculez dos prexuízos e apriorismos que envelenan ao nacionalismo. Non todos comían na mesma mesa e non todos viñan da mesma nai e, emporiso, ninguén tivo urticaria. Seguramente porque os representantes daquelas organizacións eran persoas cunha visión ampla, plural e "hixiénica" da política.
As análises coincidían, polo cal, acadábanse máis graos de identificación mutua entre as organizacións que parecían mesturarse como os regatos que dan a un río maior.
Mais non sempre chove a gusto de todos. Nas propias organizacións implicadas na reformulación xurdían decote controversias internas á par do progresivo avance das conversas. Era algo natural e agardado. O ritmo era relativamente alto e constante. Se cadra foi aquí, neste punto, onde a reformulación atopou o grande atranco: a incerteza de determinadas bases orgánicas cara este proceso e as posíbeis fallas de comunicación con elas. Tamén houbo intereses contrarios que non eran estritamente políticos. Mais esa problemática foi un tema interno e, por tanto, só aclarándose internamente cada grupo se podía continuar. E foi así que non houbo unha aclaración tan axiña como se agardaba nin foi tan diáfana cando a houbo.
A reformulación freouse mais non deixa de estar acesa, tal cal fose un pailebote nunha longa cabotaxe. O éxito que se deu con aquelas conversas foi, precisamente, publicitar a necesidade da reformulación e encetar unha aclaración interna en cada organización. Tanto ten que posición (a prol ou en contra) gañase nelas pois o beneficioso é saber quen está coa reformulación e quen non. No propio pobo constatouse un alento, aínda que tímido, cara a reformulación como se puido albiscar na asistencia aos actos que promovían este estado de opinión.
Algúns confúndense cando queren que a reformulación sexa algo instantáneo, que se cheguen a conclusións definitivas case de xeito inmediato. Mais non é así nin pode ser así. Cómpre vagar aínda que saibamos da urxencia da reformulación. Maior é o erro cando a reformulación se mira cinguida a ritmos externos como poden ser uns comicios electorais ou quen mira nunha cantidade de votos o éxito ou fracaso do mesmo. Falamos noutros niveis, falamos da superestrutura, da ideoloxía, do corpus ideolóxico do nacionalismo galego de esquerdas. É unha tarefa inmensamente complexa e lenta!
As necesidades máis urxentes, ao meu entender, son:
1.
Mantermos o lume aceso da necesaria reformulación, sendo un proceso aberto, público e participativo dende as bases. Cómpre irradiar esta mensaxe entre os axentes máis conscientes do pobo.
2.
Encetar unha acumulación de forzas sociais activas e proclives á reformulación que xurdan da común análise e necesidades que ten a nación galega.
3.
Abrir o debate, un debate de ideas, de ideoloxía. É, sen dúbida, a fase máis delicada e a que esixe a maior implicación e fondura. O debate, a dialéctica, debe levar a unha síntese que nos obrigue a tomar decisións na seguinte fase.
4.
Sermos consecuentes coa síntese acadada e actuar consonte a ela, sexa cal for o resultado. Estaremos logo no cénit do proceso da reformulación.
Cumpría unha análise máis demorada e unha ampliación de contidos ao xeito mais non é obxecto deste artigo facer un traballo de mergullo teórico. O resultado ideolóxico é o primeiro que debemos acadar, por iso se fala do cénit. Unha vez acadado e se se conclúe avanzar, iniciaríamos un proceso de reformulación orgánica camiño da aparición dunha nova estrutura sociopolítica, dende a base, dende a esquerda, dende o nacionalismo. Sempre sumando.
Neste percorrido da reformulación ten que haber unha renovación xeracional. O futuro do nacionalismo recae nas camadas máis novas pois as veteranas proceden doutros tempos e con certos vicios moi perigosos para á esquerda nacionalista. Loxicamente non é isto unha regra xeral para aplicar indistintamente pois houbo quen se soubo adaptar ao presente e quen se soubo adaptar ao pasado dende o presente.
O nacionalismo precisa esta reflexión aberta e en positivo. Non é unha daga ao BNG pois este pode participar do mesmo respectando as normas de xogo e o senso que ten. Non se trata de dividir máis o nacionalismo senón arrexuntalo, conformalo e modernizalo. Trátase de recuperar a empatía coas masas sociais, a identificación do pobo coa ferramenta sociopolítica e cantarlles as corenta aos filisteos políticos.
Hai que dar o paso. O proceso histórico esíxeo. A reformulación será atacada e boicoteada por diferentes flancos mais non se debe deter se estamos convencidos da mesma. Os nacionalistas de esquerdas nunca sufrimos a doenza das dúbidas.
emilio,
27.10.2009 (Id: 15444)
e enton estes que van marchar da fpg para confluir cos do encontro irmandiño e os do movemento galego ao socialismo? van crear un chiringuito novo? Polo que se di e polos ruxes ruces, ben parece iso. Another cow in the..
inadaptatix,
27.10.2009 (Id: 15445)
estam loucos estes romanos!
pepe,
27.10.2009 (Id: 15446)
O Xurxo nom fora militante da AMI?
Adiantado,
27.10.2009 (Id: 15449)
Adiante o nacionalismo galego de Nazón!
Ides rematar no buraco da historia galega de Nazón de Inxusto Beramendi...
Ferrín Boys,
28.10.2009 (Id: 15457)
Algúns aquí se creen moi graciosos.
Máis argumentos e menos paiasadas.
O caso é sempre acabar metendose con Ferrín, que tanto ben fixo pola nosa cultura galega, e foi sempre un loitador dende distintos ámbitos.
Debatamos cousas, SI, mas deixemonos de desacreditar e personalizar os debates.
Independencia e Socialismo.
kzs,
29.10.2009 (Id: 15472)
A reformulaçom nom será instántanea, pero tem que pasar pola superaçom das dinámicas de hai muito tempo. Isso só se consegue por medio da exclusom do sector que nom renunciará jamais ao hegemonismo e control absoluto, responsável de tantas derrotas.
mk,
29.10.2009 (Id: 15473)
E esse sector: qual é?
Porque todos os "sectores" do independentismo quando e onde tiverom o controlo, forom autoritários e excluintes crendo que eram possuidores da verdade absoluta?