Un NON rotundo á farsa do Convenio do Metal
CUT
,
27.10.2009, (Id: 21399)
Os sindicatos CCOO e UGT, asinaron o pasado día 20 o Convenio Colectivo do Metal. Triste final para un proceso de loita e negociación que unha vez máis ven a traizoar os dereitos dos traballadores. Outros xa teñen a coartada perfecta e a quen botarlle a culpa do fracaso, pero o certo é que, uns como asinantes e outros por levar o conflicto á derrota son culpables deste final. Como non podería ser doutro xeito, os sindicatos asinantes acabaron tragando o que fai catro meses rexeitaron os traballadores en loita.
folga do metal
Onde quedou a unidade sindical tan cacarexada? Cando liquidaron a Folga foi un dos argumentos utilizados para desconvocar a mesma. Onde quedou a loita polo Convenio que sería retomada en Setembro e Outubro? Toda unha posta en escena que en realidade foi unha estafa e que agora remata no chamado “referendo” fraudulento para votar, si ou si. Unha farsa sen precedentes.
Aínda así, o máis grave do Convenio asinado que chaman “preacordo”, non é a suba salarial, desde o punto de vista da CUT o máis grave e amarrarlle os pes e as mans ós traballadores nos vindeiros dous anos, nun contexto de represión sindical e xudicial tamén sen precedentes. ( A ver que pasa cos 13 compañeiros xulgados) E finalmente, o importantísimo tema da contratación tamén quedou polo camiño, a espera da Comisión de Seguimento da ABE, outra burla ós traballadores.
Compañeiros: O Convenio Colectivo está asinado, aínda así é obriga dos traballadores con dignidade a resposta inmediata a este aldraxe. Pero aínda máis importante é sacar conclusións de todo proceso de negociación e de Folga, para entender que soamente as posicións sindicais; combativas, asemblearias e transparentes poden levar á organización e loita dos traballadores ás conquistas a que temos dereito.
Vigo, 27 de outubro de 2009.